Como marca a tradición, os pequenos e pequenas de 5 anos visitan o Xardín de Caldas para gozar das marabillas que nos ofrece o outono. Como neste curso non puidemos saír, o Xardín mudouse ao noso colexio.
A clase dos Dragóns encheuse de follas, landras e ata de ourizos de castañas!!!
O outono xa se instalou nas nosas vidas e con el os seus cheiros, as súas formas e as súas características cores. A natureza ofrécenos unha morea de oportunidades para aprender e traballar.
Sabiades que as follas e as landras son perfectas para practicar as sumas? Pois ben, esa non foi a única actividade que fixemos, xa que tamén escribimos e cantamos sobre a chegada do outono.
Finalmente, non podía faltar a gran tradición de plantar a nosa landra. Esta é unha das actividades favoritas, xa que durante todo o ano vemos como vai medrando ata converterse nun fermoso carballo.
Que divertido é gozar das pequenas oportunidades que nos ofrece a nosa contorna.