Pódense repasar as matemáticas preparando unha pizza, completando as ás dun morcego ou xogando ao memory? O alumnado de 1º de Primaria móstranos que si nun vídeo no que os propios nenos e nenas nos explican como traballan nas estacións de aprendizaxe.
A aula organízase en diferentes zonas con retos que o alumnado realiza en pequenos grupos. Nesta ocasión, as propostas permitíronnos practicar o reconto de ingredientes na pizzería, buscar o número anterior e posterior cos morcegos, construír con figuras xeométricas, atopar parellas no memory e completar puzles seguindo a orde dos números.
Para acompañar este percorrido, cada neno e nena conta cun carné viaxeiro, no que recibe un selo da profe ao rematar cada estación.
Ademais de repasar os contidos matemáticos, estas actividades ofrecen oportunidades para compartir materiais, respectar as quendas, escoitar e axudarse. Co acompañamento da mestra, os nenos e nenas van gañando autonomía e confianza para resolver os retos e volver intentalo cando algo non sae á primeira.
Convidámosvos a ver o vídeo e descubrir esta experiencia a través das súas voces. Eles e elas cóntanvolo!