Todos os 30 de xaneiro celébrase en todo o mundo o día da Paz e da non violencia. Para o noso cole esta é unha conmemoración moi especial e a que lle temos moito agarimo. Isto débese a que está moi preto do día grande do noso fundador, o cal so fai que a festa sexa o dobre.
Para nós a Paz non é unha palabra baleira de tres letras. A Paz é un estado que debemos alcanzar cada día, a través dos nosos actos e loitar por ela cos nosos corazóns. Traballando nesta idea, este ano dedicamos un par de semanas a reflexionar sobre a proposta do Equipo de plurilingüísmo:
“Que ves cando pensas na paz?”
O primeiro de todo foi facer unha chuvia de ideas partindo desa pregunta, compartindo impresións e decidindo como expresariamos as nosas ideas. Segundo cambiamos de curso, vemos que cada un ten un xeito diferente de expresarse… e iso é precioso!
A continuación, un grupo de alumnos propuxo unha pequena exposición das nosas ideas, había de todo! “Xogar cos amigos.”, “Estar coa familia.”, “Empatía”, “Respecto”… cada quen tiña a súa! Decidimos elaborar un arco da vella, porque pensamos que é un gran símbolo de felicidade e esperanza, tan importante nestes días. Confeccionamos cada unha das cores cun corazón, xa que o amor é a maior fonte de felicidade; e en cada corazón puxemos as nosas ideas… cada curso co seu estilo propio.
Gústanvos as manciñas brancas dos nenos de tres anos? E que me dicides da preciosa caligrafía dos de primeiro? E nin hai nada que dicir dos poetas e artistas que temos entre os máis maiores!
Logo chegou o momento da montaxe… sabiades que cun cordel e un lapis se pode facer un compás ENORME? Nós agora si! O deseño das letras, a organización dos espazos… Cando rematamos, celebramos o traballo ben feito cunha canción xenial escrita hai moito tempo… Os máis dixitais ata puidemos facer un xogo tratando de adiviñar as palabras que faltaban! Traballamos arreo! Pero cremos que o resultado paga a pena.
E vós? Que vedes cando pensades na paz? Compartamos o arco da vella!