O pasado luns 14 de xaneiro, os rapaces e as rapazas de 5º e 6º fumos de excursión a Pontevedra para ver unha obra de teatro e un museo.
Menuda sorpresa levamos cando as profes nos dixeron que a obra sería en inglés! Ao comezo preocupounos un pouco porque pensamos que non iamos entender nada, pero en canto comezou pasáronsenos todos os medos… que divertida foi! Rimos a escachar coas aventuras de Tarzán e Jane … pero tamén co noso compañeiro Mateo, ao que levaron ao escenario como voluntario! Que gracioso estaba disfrazado de cazador!
Cando rematou a obra, cruzamos a rúa para visitar o museo Café Moderno, cunha exposición sobre Goya e Dalí. A verdade é que estabamos bastante intrigados, xa que os dous artistas non podían ser máis diferentes! Xa no museo, explicaronnos que efectivamente pertencen a épocas diferentes, pero Dalí admiraba moito a Goya, porque o consideraba un defensor fantástico da educación. De xeito que Dalí tomou moitas obras de Goya e reinterpretounas, é dicir, fíxoas de novo dándolles o seu toque persoal. Moi interesante!
Ademais ensináronnos a técnica coa que estaban feitas esas obras, que era a técnica do gravado. Incluso fixemos a nosa propia obra!
Despois da visita ao museo mereciamonos un descanso, asique as profes levaronnos un rato ao parque antes de volver ao cole. Xantamos na clase, escoitando música e desfrutando da compañía dos nosos amigos.
Ogallá teñamos moitas excursións tan divertidas coma esta!