Campaña DOMISAL 2019

O acrónimo DOMISAL fai referencia ao “Domingo Misioneiro Salesiano.” A Xornada Misioneira Salesiana é un evento que se celebra en todo o mundo, aínda que en datas diferentes, e é unha oportunidade para reflexionar sobre a dimensión misioneira do carisma salesiano.

Cada ano a familia salesiana recada fondos para financiar un proxecto da Fillas de María Auxiliadora que se sitúe nalgún país en vías de desenvolvemento. Este ano coñeceremos Honduras.

Unha das paixóns de Don Bosco foi a vocación misioneira. É certo que el non saíu practicamente de Italia en toda a súa vida; porén, sentía paixón misioneira e ademais soñou que debía sonar a voz de Cristo en todo o mundo.

Durante este días estamos emprendendo unha viaxe a Honduras. Escoitamos os gritos de auxilio deste país e queremos camiñar xunto aos seus habitantes para axudarlles a construír soños, posto que todos somos veciños nun mundo global e, entre todos, facemos comunidade.

Este ano, xunto ao resto da familia salesiana, imos participar no Proxecto Solidario Honduras. Durante esta semana do Domisal presentarémosvos en que consiste o proxecto, coñeceremos un pouco máis este fantástico país e, así mesmo, recolleremos fondos para contribuír ao desenvolvemento de tres aldeas próximas a Ojojona, Honduras.

Coas nosas doazóns optimizaranse os servizos básicos de auga e saneamento desta zona. Doutra banda, a nosa achega axudará a mellorar a alimentación das familias residentes nesta zona a través de hortos sustentables.